Escola Oficial de Idiomas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Detalle da fachada da Escola Oficial de Idiomas de Vigo.

As Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) de España conforman unha rede de centros oficiais de nivel non universitario dedicados á ensinanza especializada de idiomas modernos. As EEOOII son centros dependentes das Consellerías de Educación das Comunidades Autónomas e están enmarcadas dentro dos centros de réxime especial.

Escolas Oficiais de Idiomas en España

En España, os estudos das Escolas Oficiais de Idiomas (EE.OO.II.), están regulados pola Lei Orgánica 2/2006 de Educación e o Real Decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo. Esta normativa, substitúe á anterior (B.O.E. 10 de setembro, Ordenación das Ensinanzas correspondentes ó primeiro nivel das Ensinanzas Especializadas de Idiomas), polo Real Decreto 1523/1989, do 1 de decembro (B.O.E. 18 de decembro, Contidos Mínimos do primeiro nivel das Ensinanzas Especializadas de Idiomas Estranxeiros) e polo Real Decreto 47/1992 (Contidos Mínimos do primeiro nivel das Linguas Españolas). Neles establecíase que os estudos de cada idioma estaban divididos en dous ciclos:

  • Ciclo Elemental (3 cursos, de 120 horas de duración mínima cada un).
  • Ciclo Superior (2 cursos, de 120 horas de duración mínima cada un).

A Lei Orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de Calidade na Educación (B.O.E. 24 de decembro) modificou esta situación, adaptándoa ó actual esquema de tres niveis:

  • Nivel Básico
  • Nivel Intermedio
  • Nivel Avanzado

Os idiomas actualmente (2006) impartidos nas E.O.I. son os da lista que aparece a continuación, de acordo coa información que subministra o Ministerio de Educación, pero na práctica non se poden encontrar ensinanzas de todos estes idiomas en todas as E.O.I.

Poden inscribirse nas EOI as persoas que acabaran o primeiro ciclo da Educación Secundaria Obrigatoria E.S.O. o equivalente (Graduado Escolar, Certificado de Escolaridade ou Certificado de Estudos Primarios), polo que as EOI ofrecen estudos non universitarios de lingua estranxeira para adolescentes e adultos. España é o único país da Unión Europea que dispón dunha institución de ensino público, que ademais outorga títulos oficiais ó acabar os estudos, con esta finalidade.

As Escolas Oficiais de Idiomas enfróntanse nestes momentos a diversos retos para mellorar e harmonizar as súas ensinanzas coas que se ofrecen noutras institucións europeas. Entre eses retos destacan:

  • A elaboración de currículos que desenvolvan os contidos mínimos do Real Decreto 1523/1989.
  • A harmonización das probas de nivel e dos exames libres realizados nas diferentes E.O.I., que xa fora iniciada nalgunhas Comunidades Autónomas.
  • A adaptación das súas ensinanzas ó Marco Común de Referencia Europeo para a Aprendizaxe, a Ensinanza e a Avaliación de Linguas Estranxeiras.[1]

A inexistencia dun marco normativo estable provocou numerosos problemas entre os usuarios matriculados nas Escolas Oficiais de Idiomas, xa que existen distintas normativas que non foron aprobadas e a pesar de iso están utilizándose como referencia para a matriculación dos alumnos (como no caso do Borrador de Decreto do Goberno Valenciano, utilizado como referencia para a transición entre os planos de estudos e a matriculación do alumnado).

Escolas Oficiais de Idiomas en Galicia

O ensino de idiomas en Galicia, orixinalmente competencia do Estado, en 1981 pasa a ser competencia da comunidade autónoma galega porque así o establece o artigo 31 do Estatuto de Autonomía de Galicia.[2] A Escola Oficial de Idiomas que existe naquel intre en Galicia, a da Coruña, é transferida á comunidade autónoma galega polo Real Decreto 1.763/1982.[3] Posteriormente o goberno galego crea máis Escolas, ata chegar ás once Escolas Centrais e vinte e sete Seccións que existen na actualidade.

En Galicia hai EOI nos concellos de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Cedeira, Monforte de Lemos, Ribadeo, Viveiro, Vilagarcía e Ferrol, os cursos de lingua galega ademais de nos centros de Galicia ofrécense nos de Ponferrada (61 matriculados en 2015/16[4]) e Madrid.

No curso 2016/17 as diferentes escolas de idiomas de Galicia contaban con 26.025 matriculados. Por idiomas o inglés é o que contaba com maior número de alumnos 16.966, seguido do francés 3.061, o alemán 1.885, o italiano 1.365, o portugués 1.129, o galego 539, o xaponés 449, o chinés 310, o español para estranxeiros 176, o árabe 89 e o ruso 56[5].

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas