Ensino superior

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sistema educativo español
Réxime xeral
Réxime especial

A expresión educación superior (ou ensino superior, estudos superiores) refírese ao proceso, os centros e as institucións educativas que están despois da educación secundaria ou media.

Nela pódese obter unha titulación superior (ou título superior).

Polo xeral o requisito de ingreso a calquera centro de ensino superior é ter 18 anos como mínimo, o que supón que se completaron a educación primaria e a educación secundaria antes de ingresar.

É común que existan mecanismos de selección dos postulantes baseados no rendemento escolar da secundaria ou exames de selección. Segundo o país, estes exames poden ser de ámbito estatal, local ou universitario. Noutros sistemas, non existe ningún tipo de selección.

Cómpre salientar tamén que cada vez máis institucións de ensino superior permiten, ou mesmo animan, o ingreso de persoas adultas sen que tiveran necesariamente éxito na educación secundaria; isto aplícase especialmente ás universidades abertas.

Preparación

A preparación que ofrece a educación superior é de tipo profesional ou académica. Distínguese entre estudos de pregrao, grao (carreira universitaria) e posgrao (mestrado e doutoramento) segundo o sistema de titulación profesional e graos académicos. Os establecementos de educación superior foron tradicionalmente as universidades, pero ademais considéranse outros centros educativos coma institutos, escolas profesionais ou escolas técnicas, centros de formación do profesorado, escolas ou institutos politécnicos etc. (as denominacións dependen do sistema educativo do país en particular).

Outras funcións

Unha función importante, á parte do ensino, na educación superior son as actividades de investigación nos distintos niveis do saber. Outra importante función é a que corresponde a actividades de extensión, nas que se procura a participación da poboación e vólcanse cara a ela os resultados.

Rol na sociedade

O papel xogado pola educación superior na sociedade cambia segundo a cultura do país; por exemplo, en moitos países do sur de Europa enténdese que o estudante vai á universidade para obter un diploma que lle asegurará un bo traballo, mentres que en varios países do norte de Europa o período de estudos á universidade é tamén un momento no que o estudante aprende a ser autónomo emocional e economicamente, aprende a se mesturar con xente de diferentes orixes, e se desenvolve como persoa. Nestes países, o estudante estuda nunha cidade máis ben lonxe do seu pobo natal.

En España

O ensino superior en España, o a ensinanza universitaria en España está regulada actualmente por:

  • A Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, coñecida como LOU, que entrou en vigor o 13 de xaneiro de 2002.[1]
  • La Lei Orgánica 4/2007, de 12 de abril, pola que se modifica a Lei Orgánica 6/2001.[2]

Adaptación ao EEES

Por outra parte, o Real Decreto 1393/2007, de 29 de outubro, que entrou en vigor o día seginte á súa poblicación no BOE, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais concretando a progresiva harmonización dos sistemas universitarios exixida polo proceso de construción do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), iniciado en 1999 coa Declaración de Boloña e a conseguinte interacción operada entre tales sistemas polas diversas normativas nacionais sucesivamente promulgadas, que dotou dunha dimensión e dunha axilidade sen precedentes ao proceso de cambio emprendido polas universidades europeas. Segundo esta estrutura divídese a ensinanza universitaria en graos, mestrado (ou máster),[3] [4] e programas de doutoramento.

Os graos e os másteres toman como medida da carga lectiva o crédito.[5]

Universidades

En Galicia

Estrutura anterior

Antes do Real Decreto de 2007, a ensinanza universitaria organizábase da seguinte maneira:

  • Estudos de primeiro ciclo. Acceso coa preinscrición. Estudos terminais a cuxa finalización obtíñanse os títulos de Diplomado, Mestre, Arquitecto Técnico ou Enxeñeiro Técnico. Ditos títulos permitían o acceso a os estudos de segundo ciclo. Eran títulos equivalentes, en certo modo, ao actual título de Grao.[6]
  • Estudos de primeiro e segundo ciclo. Acceso coa preinscrición universitaria. A súa superación daba dereito á obtención dos títulos de Licenciado, Arquitecto o Enxeñeiro. A superación do primeiro ciclo de calquera destes estudos non comportaba a obtención de ningunha titulación oficial, pero podía ser válida para a incorporación a outros estudos de segundo ciclo. Estes títulos son equivalentes ao actual título de Máster.
  • Estudos de segundo ciclo. Acceso pola vía dun primeiro ciclo universitario, ou ben estando en posesión do título de Diplomado, Arquitecto técnico, enxeñeiro técnico ou mestre, sempre que estes estudos se axustasen á normativa de acceso para cada un dos segundos ciclos. A súa superación daba igualmente dereito á obtención dos títulos de licenciado, arquitecto o enxeñeiro, títulos equivalentes ao actual título de Máster.
  • Estudos de terceiro ciclo. Eran os denominados programas de doutoramento. O acceso viñaa regulado pola mesma universidade, pola vía da "Comisión de Doutoramento". Facía falta estar en posesión do título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro.
  • Títulos propios. Eran estudos non reglados conducentes a unha titulación non oficial, recoñecida só pola universidade que os impartía. Estes estudos tiñan a mesma estrutura que os estudoos reglados: polo tanto, había títulos propios de primeiro ciclo, de primeiro e segundo ciclo e de segundo ciclo. As universidades regulaban o acceso aos títulos propios e fixaban os prezos das matrículas. Tamén podían ofrecer títulos de posgrao non oficiais.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazón externas